lunes, 12 de enero de 2026

Manifesto pola paz. 3º ciclo

Olaaa!
Somos nós. Si, nós: as nenas e os nenos de 5º e 6º.
Temos zapatillas gastadas de xogar, mans manchadas de pintura, ideas tolas, risas contaxiosas… e hoxe temos algo moi importante que dicir:

Queremos PAZ!
Pero non unha paz aburrida, silenciosa e sentada nunha cadeira.
Queremos unha paz que percorra o noso patio que xoga ao escondite, que comparte o bocadillo e que se dá abrazos sen pedir permiso.

Como dixo John Lennon: “Imaxina un mundo en paz”.
Nós non só o imaxinamos… construímolo cada día no cole.

E AGORA… ATENCIÓN! CHEGA CROCOLIBRO!
Desde a biblioteca, entre contos, cómics e libros misteriosos, aparece Crocolibro, o crocodilo máis lector do planeta.
Non come persoas, come historias.
Non morde, ensina.

Crocolibro dinos sempre:
—“Cada vez que les, aprendes a entender aos demais”.

E nós escoitámolo, porque cando alguén entende, non pega,
cando alguén entende, non insulta,
cando alguén entende… axuda.

Crocolibro pasa as páxinas coa súa cola e recorda que as palabras poden ser bálsamo ou picadura de mosquito.
Nós escollemos que sexan bálsamo.

A GRAN SELVA DA PAZ
Un día, lendo con Crocolibro, viaxamos a unha selva moi especial.

Alí, o león decidiu deixar de mandar e comezar a escoitar.
A tartaruga ensinounos que ir despacio tamén é chegar lonxe.
O mono aprendeu a compartir, aínda que só houbese unha banana.
A cacatúa deixou de repetir insultos e empezou a repetir:
—“Por favor, grazas, perdón”.

E ata o crocodilo da selva, primo segundo de Crocolibro, descubriu que é mellor abrir libros que bocas enfadadas.

Como dicía Esopo, nas súas fábulas:
“A unión fai a forza”.
E nós sabemos que xuntos somos imparables.

Nós prometemos:

  • Respectar, aínda cando non pensamos igual
  • Coidar a quen estea triste, só ou enfadado
  • Resolver os problemas falando, non empurrando
  • Rir sen facer dano
  • Xogar sen excluír
  • Defender a paz no patio, na clase e na vida
  • Coidar as palabras como se fosen sementes
  • Defender a quen o precisa, porque ninguén camiña só
  • Rir xuntos, xogar limpo e pedir perdón cando faga falta
  • Celebrar as diferenzas, porque ser distintos é unha marabilla

Porque como dixo Gandhi:“A paz é o camiño”.
E nós xa estamos camiñando.

O NOSO BERRO FINAL (QUE NON ASUSTA, PERO MOVE MONTAÑAS)Con Crocolibro como guía, coa selva como exemplo, e cos nosos corazóns ben abertos, dicimos:

SÍ AO RESPECTO
SÍ AO COMPAÑEIRISMO
SÍ Á PAZ

E dicimos NON á violencia,
NON ás burlas,
NON a deixar a alguén atrás.

Porque somos nenas e nenos,
pero tamén somos o presente,
porque somos 5º e 6º do CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón,
e porque a paz apréndese lendo, xogando, falando e queréndose moito.

Palabra de Crocolibro. Palabra nosa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario